Sunday 12 de May de 2024

O Concello de Neda abre este mércores o prazo para inscribirse na “Ruta dos muíños do Belelle”


O Concello de Neda abre este mércores, 23 de agosto, o prazo para anotarse na “Ruta dos muíños do Belelle”, que organiza no marco da celebración da Festa do Pan de Neda. A iniciativa, con prazas limitadas, terá lugar o sábado 2 de setembro, en horario de mañá.

Segundo indican dende o departamento de Cultura, o itinerario guiado, programado para o día antes da xornada de exaltación do produto gastronómico por excelencia de Neda, partirá as 10 horas do adro da Igrexa de Santa María. Logo, discorrerá río arriba, en paralelo sempre ao curso fluvial, ata chegar á espectacular e emblemática Fervenza do Belelle.

Serán en total uns 11 quilómetros (ida e volta) por terreo chairo, que permitirán afondar na etnografía e historia de Neda. Así, as persoas que tomen parte nesta camiñada poderán observar os numerosos antigos muíños (uns fariñeiros, outro fábricas de papel…) que aínda seguen en pé, e terán a oportunidade de descubrir os distintos aproveitamentos que, ao longo da historia se fixeron deste río, que ten sido clave no desenvolvemento económico da vila.

Para anotarse haberá que chamar ao teléfono 981 390 233 ou enviar un correo electrónico a cultura@neda.gal, indicando nome e apelidos, teléfono de contacto e procedencia. As prazas asignarase por orde de inscricións. E como sempre, a actividade será totalmente de balde.

A “ruta dos muíños do Belelle” consolídase pois como unha das apostas complementarias, que enriquece a Festa do Pan, e como unha oportunidade única de coñecer o patrimonio etnográfico local.